sábado, 2 de febrero de 2008

O meu avó


A min, o de ser roxa, venme de familia. Con catro avós socialistas, non me quedaba outra que seguir o mesmo camiño...

Hoxe vou falar do meu avó Antonio, o pai da miña nai (o primeiro pola dereita, na foto). Vivía en Meira, e alí exerceu toda a sua vida de avogado.

Del podería dicir moitas cousas, pero quédome coa que máis me gusta: o meu avó era un home de paz. De feito, pese á súa profesión, non lle gustaban nadiña os preitos. Era dos que pensaba que unha boa conversa podía solucionar a maior parte dos problemas.

Aínda que morreu cando eu tiña so oito anos, creo que non erro se digo que foi unha das persoas que máis profundamente marcou a miña vida. Xa de pequerrechiña, cando me preguntaban que quería ser de maior, contestaba sen dubidar que eu ía ser avogada, como o meu avó, porque o meu avó lles contaba contos ós señores e os señores lle daban pesetas (non estaba mal a miña definición da avogacía...). E aqui me tedes, vinte anos máis tarde, Licenciada en Dereito.

Pero, ó meu avó non so lle debo a minha profesión, tamén lle debo os meus primeiros contactos coa política. Lembro as ceas dos sábados, o seu carón, vendo na tele o Informe Semanal, escoitandolle falar co meu pai do que facía Felipe ou do que dicía Guerra, lembro as súas conversas co meu tio Martín, outro socialista convencido, e por enriba de todo, lembro as historias que me contaba da Guerra, de cando as pulgas lles movían as mantas, do Franquismo que veu despois, de como o seguía a Garda Civil cando ía a Lugo, de cando lle suspenderon as oposicións de Xuiz por non adicto ó Réxime, de cando se escondía debaixo das mantas para poder escoitar a Radio Pirenaica...

Ainda que xa nacín na Democracia, cada vez que se achegan as eleccións, intento non esquecerme do difícil que debe ser non poder expresar libremente o que pensas. Somos afortunados, non sabemos cánto.

Agora espérame un mes de duro traballo, poñendo o meu pequeno gran de arena para intentar que teñamos de novo un Goberno dos teus, que tamén son os meus. Vai por ti, avó!!

No hay comentarios: